O Concello de Mondoñedo acometerá un proxecto de mellora e acondicionamento da Alameda dos Remedios e o seu acceso. O Goberno local pretende con esta actuación recuperar un espazo urbano constituído pola Alameda dos Remedios, situada no acceso á Igrexa dos Remedios.
As obras prolongaranse por un prazo de tres meses e contarán cun investimentode 110.289,13 euros. Así, o Goberno local pretende con esta actuación recuperar a pavimentación de parte dos accesos, recuperar os muros perimetrais existentes, realizar traballos de mantemento de arborado, con reposición de árbores de gran porte, melloras de eficiencia enerxética do alumeado e reposición de parte do mobiliario.
A pavimentación plantéxase de maneira similar ao resto das rúas do conxunto histórico da cidade, con lousa de granito e pizarra colocada a modo de chapa cuña. Como complemento ás obras de acondicionamento da alameda proxéctase o acondicionamento da subida á Alameda, un dos accesos principais á mesma, cuxo espazo actualmente presenta un pavimento en mal estado de conservación. A rúa de acceso non dispón de ningún tipo de servizo, polo que se propoñen ademais obras de saneamento e abastecemento.
Levarase a cabo a restauración dos muros perimetrais existentes que, en parte, fan de muros de contención para a explanada da propia Alameda, proponse a limpeza manual de todos os seus elementos, muros, albardillas, etc…, ademais da renovación dos morteros de enfoscado dos mesmos, actualmente moi deteriorados. A alcaldesa, a popular Elena Candia, asegura que se trata de acometer un traballo de recuperación dun entorno emblemático situado en pleno conxunto histórico da cidade. “Farase un traballo importante de mellora e acondicionamento que traerá consigo a recuperación integral deste entorno tan importante para Mondoñedo e maiores comodidades para veciños e visitantes”, precisa.