A agrupación de Esquerda Unida en Lugo colabora coa Asociación Cultural Contracorrente na organización da presentación do libro de memorias de Xesús Redondo Abuín, militante do PCE dende 1975, represaliado político do franquismo por loitar na clandestinidade contra a dictadura fascista.
A presentación da obra, Alentos e desalentos dun de tantos, será mañá xoves 28 ás 20:00h no Salón de Actos do Vello Cárcere. Estará acompañado pola secretaria xeral do PCG, Eva Solla, o concelleiro de ACE-EU no Concello de Lugo, Carlos Portomeñe, e o seu prologuista, Gregorio Ferreiro Fente, destacado experto en escritores galegos perseguidos e exiliados durante o franquismo, como o poeta Lorenzo Varela.
En Alentos e desalentos dun de tantos, Abuín debuxa aos seus 78 anos o seu persoal “testemuño de cargo” como vítima e combatente do réxime franquista, que se asañou con él con persecucións, desterros, presidio en distintos penais, castigos carcerarios, tortura e exclusión social. Este libro é moito máis ca un libro de memorias sobre a loita antifascista, é un retrato dun home sinxelo, de familia pobre e zapateiro e mineiro de profesión, que optou pola “causa da humanidade” antes que pola súa vida, e que lanza unha mensaxe positiva dalguén que hoxe en día segue sen renderse na necesaria loita por unha sociedade xusta e igualitaria.