O BNG levou adiante un acto para repoñer a placa que homenaxeaba a visita de Federico García Lorca a Lugo, facéndoo ademais dentro da semana do orgullo LGTBIQA+ para lembrar a represión que sufriu este colectivo durante a ditadura Franquista. Maite Ferreiro, pediu, unha vez máis a reposición da placa conmemorativa que fora instalada na praza de Pío XII en Lugo en outubro do ano 2006. “Quixemos lembrar desta forma a figura dun mestre das letras que foi asasinado entre outras cuestións pola súa condición sexual” afirmou Maite Ferreiro. Foi o 28 de outubro de 1916, cando Federico García Lorca tiña 18 anos, chegou por primeira vez a Lugo xunto con outros catro compañeiros da Universidade de Granada e emprendeu unha “excursión de arte” por diversas vilas e cidades.
Novamente, en novembro de 1932 García Lorca visitou Lugo para impartir unha conferencia no Comité de Cooperación Intelectual. “Entendemos que sería unha boa maneira de lembrar as visitas de García Lorca a Lugo, ao igual que lembrar a súa figura e as razóns do seu asasinato, restituíndo a placa de homenaxe ás visitas á cidade de Lugo” dixo Maite Ferreiro.
A colocación, en Lugo, da placa conmemorativa fora iniciativa do Foro pola Memoria Republicana de Galicia e o Concello de Lugo, que aproveitaron a conmemoración dos 90 anos da primeira visita realizada polo poeta granadino á cidade de Lugo para celebrar unha serie de actos e instalar a placa na praza de Pío XII.
En relación á primeira das visitas a Lugo e segundo os diarios da época, Federico García Lorca chegou a Santiago de Compostela o 25 de outubro de 1916. Ademais da primeira visita de Federico García Lorca á cidade de Lugo e a Galiza no 1916, o poeta granadino visitou, de novo a cidade de Lugo, en novembro de 1932.
Tras o comenzo da guerra civil, na madrugada do 18 de agosto de 1936, Federico García Lorca foi fusilado polos golpistas, con 38 anos de idade, xunto a un olivo na estrada que une as localidades de Víznar e Alfacar en Granada. Os asasinos de Lorca reivindicaban esta acción por tratarse dunha persoa de esquerdas e pola súa condición de homosexual. Con isto o BNG quixo poñer de manifesto todo o sufrimento que pasaron tantas persoas polo simple feito da súa condición sexual, lembrando ademais que, malia todos os avances dados, aínda queda moito camiño por dar para acadar unha liberdade e unha normalización total.