O BNG lamenta que Lugo non se presentase ás axudas para enerxías renovables

O BNG lamentou que Lugo volva quedar fóra das axudas que se están a dar dende o INEGA a respecto das enerxías renovables. Dende o grupo nacionalista, lembran que xa se perderan as que saíran no 2017 baixo o título de Subvencións para o ano 2017 a proxectos de biomasa para administracións locais e autonómica, entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos que fora publicada no DOG do 22 de marzo do 2017, axudas que cubrían ata un 80% da inversión, unha cantidade que o BNG considerou moi importante.

No 2018, foron publicadas as bases desta subvención no DOG do 30 de xaneiro e saíron as resolucións o pasado mércores 27 de xuño nas cales se pode observar que o concello de Lugo perdeu esta oportunidade de seguir avanzando no aforro económico das calefaccións de edificios públicos e nos seus beneficios medioambientais. “Na resolución da convocatoria podemos ver que hai 47 concellos galegos que se van beneficiar destas axudas para mellorar a eficiencia das súas instalacións, porén Lugo volve quedar fóra” explicou Rubén Arroxo. 

O concelleiro do BNG, Rubén Arroxo, pediu “un cambio de rumbo na xestión municipal” entendendo que a día de hoxe o goberno municipal segue sen un proxecto claro para Lugo malia levar xa 3 anos de mandato. O BNG cre que proxectos coma o da biomasa, que son alternativas directas ao petróleo e que aforran cartos, deben ter maior consideración por parte do executivo local. Ademais Lugo conta cun importante número de edificios deportivos e centros de uso público, como poidan ser os centros sociais ou os edificios administrativos, polo que un cambio progresivo dos sistemas de calefacción, aproveitando a saídas destas liñas de subvencións levaría consigo un importante aforro de diñeiro público

Nesta liña dende o propio grupo nacionalista quixeron lembrar que, tal e como xa anunciaron, preguntarán na vindeira comisión municipal se as caldeiras de biomasa de Frigsa están a funcionar, dado que existen versións nas que se explica que aínda teñen problemas técnicos para podelas usar “sería desastroso que despois de investir 874.063€ nesta instalación vaia quedar outro inverno sen ser usada” afirmou o voceiro nacionalista.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com