O PSOE de Friol esixe ao Alcalde do PP a aprobación definitiva do PXOM

O PSOE de Friol esíxelle ao Alcalde do PP que “se poña a traballar” para aprobar definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), logo de terse aprobado inicialmente hai xa 5 anos. Así o informou a Secretaria Xeral do PSOE en Friol e Voceira do Grupo Municipal Socialista no Concello, Ángeles Martínez Martínez, que explicou que os socialistas presentaron ao Pleno un rogo para coñecer o estado do PXOM, así como para que se convoque a comisión de seguimento existente, constituída na lexislatura pasada, e que o Alcalde do PP non volveu convocar.

Os socialistas lembran que o PXOM é un dos documentos máis importantes para calquera municipio, así como para os veciños. Martínez Martínez destacou que “despois de 5 anos de terse aprobado inicialmente nada se sabe do PXOM de Friol nin das ducias de alegacións presentadas por veciños e veciñas de todo o Concello. Por iso, esixímoslle ao Alcalde que se poña a traballar dunha vez por todas, e que teña a documentación correspondente preparada para poder sometelo a aprobación no pleno do mes de setembro”.

“Despois de 5 anos non valen escusas, en 5 anos dá tempo a valorar moitas alegacións, en 5 anos dá tempo a facer todo o necesario para evitar a situación de bloqueo na que hoxe en día nos encontramos. Hai veciños que non saben se poderán construír na súa parcela, hai veciños que están agardando a que se aprobe definitivamente para poder edificar. Non se pode ter á xente nesta situación”, asegurou a voceira do PSdeG-PSOE en Friol, Ángeles Martínez.

A voceira do PSOE tamén advertiu que os socialistas de Friol farán todo o posible para que o PXOM se aprobe coa maior brevidade posible e que explique as razóns deste situación. “Sospeitamos que algún atranco político atopa o alcalde para non sometelo a aprobación despois de 5 anos nos que houbo tempo abondo de valorar as alegacións e de aprobalo. Seguir mantendo paralizado o PXOM de Friol sería unha irresponsabilidade e un castigo a todos os veciños e veciñas” asegura Ángeles Martínez, por iso “pedimos ademais que se explique detalladamente o que está pasando, pois non é normal”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com