A concurso a cafetería e a xestión do Vello Cárcere

A Xunta de Goberno local vén de aprobar sacar a contratación a explotación do servizo de cafetería-restaurante do Vello Cárcere, por un período de 5 anos, prorrogable anualmente ata dez, e un importe mínimo de canon a satisfacer ao Concello de 2.000 euros ao mes. Así o explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen deu a coñecer o prazo de presentación de proposicións, que será de 26 días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello, aloxado na Plataforma de contratación do sector público.

O servizo de cafetería poderá prestarse todos os días do ano, en horario de oito da mañá ás doce da noite ou respectando o horario autorizado para este tipo de actividade en cada momento pola lexislación se este forma menor. Deberá ofertar menús variados, así como un menú do día, que incluirá primeiro e segundo prato, sobremesa e bebida a elixir. Así mesmo, deberá incluír na carta produtos que conten coa cualificación de Comercio Xusto, un menú elaborado con alimentos procedentes da Agricultura Ecolóxica e un menú completo adaptado para persoas celíacas. As comidas serán elaboradas pola adxudicataria na propia cociña do centro e non poderán dispoñerse máquinas expendedoras nin máquinas de xogos de ningún tipo.

A cafetería está equipada con 16 mesas e 32 cadeiras no espazo xeral das instalacións, 8 cadeiras altas na barra, 4 mesas e 8 cadeiras altas na zona da fiestra fronte á barra, e 8 mesas e 24 cadeiras na terraza. Será por conta da empresa adxudicataria a instalación de toda a maquinaria, ferramenta e aparellos necesarios para o desenvolvemento da actividades.

Na sesión deste mércores, tamén se deu luz verde á contratación do servizo de xestión deste centro sociocultural. A duración do contrato será dun ano, podendo prorrogarse por períodos máximos anuais, sen que a duración total do contrato poida exceder de cinco anos; e o orzamento de 352.176,26 euros.

O centro abrirá de luns a domingos, un total de 18.982 horas, e contará con 10 profesionais divididos nas áreas de traballo de coordinación, recepción, tecnoloxía e audiovisual, divulgación artística, espazo didáctico -que inclúe a biblioteca-, e un espazo de lecer infatil. A maiores establécese unha bolsa de 500 horas anuais para servizos extraordinarios.

O prazo de presentación de proposicións será de 35 días naturais contados dende a data de envío do anuncio de licitaicón á Oficina de Publicacións da Unión Europea.

Miguel Fernández tamén avanzou que a Xunta de Goberno acordou sacar a contratación a prestación do servizo de apertura e atención ao público da Oficina Municipal de Turismo, dos centros museográficos municipais, e o punto de información turística de verán; co obxecto de ampliar o horario destas instalacións municipais para a promoción da riqueza histórica, patrimonial e cultural de Lugo.

O prazo de presentación de proposicións será de 35 días naturais contados dende a data de envío de anuncio á Oficina de Publicacións da Unión Europea. O orzamento para a primeira anualidade ascende a 590.713 euros e o contrato será por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga por dous anos máis.

Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno concedeu licenza para obras de legalización dun edificio e o seu acondicionamento para centro de día para persoas con transtorno do espectro autista, solicitado por Raiolas, na rúa Bernardino Pardo Ouro. Ten un orzamento de 283.800 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com