A Sala de Exposicións do Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) en Foz acollerá esta tarde, ás 20.00 h, a inauguración da exposición fotográfica Auga. O sangue da terra, de Manuel Valcárcel. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Foz, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas no acto coa presenza do alcalde, Javier Jorge Castiñeira; o director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Ourense e Lugo, Alberto López; e a coordinadora Institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A mostra permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 29 de xullo e poderase visitar de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h.
Esta proposta é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.