O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, puxo de manifesto o “engano urdido pola alcaldesa e o seu equipo de goberno” no que atinxe aos locais da Tinería dispostos para emprendedores. O voceiro popular esixiu aos socialistas que deixen de “enganar” á cidadanía xa que é “unha práctica perniciosa” xogar coas ilusións da xente.
Antonio Ameijide explicou que a alcaldesa “está a mentir” aos emprendedores. O voceiro popular afirma que as bases aprobadas en xunta de goberno, o 25 de maio deste ano, non se corresponden coa información que os socialistas achegan aos interesados nos locais da Tinería e que tamén se pode ver na web municipal. Nas xornadas de portas abertas aos emprendedores se lles informou de que a cesión dos locais sería en réxime de aluguer por catro anos, con opción a prórroga, “unha auténtica mentira” porque nas bases aprobadas na xunta de goberno se especifica que os contratos de aluguer “terán unha duración máxima de catro anos”.
Incluso, o popular lle esixirá á alcaldesa que se comprometa “por escrito” a garantir a prórroga aos interesados e por canto tempo será efectiva, en caso de que acusen ao Grupo Popular de mentir, “a pesar de que os documentos asinados e aprobados por ela mesma demostran que a única que minte é ela”.
Pero o engano socialista non queda aquí, xa que a rexedora non pode ofrecer un período de prórroga aos beneficiarios destes locais, xa que o contrato que o Concello de Lugo asinou coa Xunta de Galicia é por cinco anos con posibilidade de prórroga, unha prórroga supeditada a “un acordo por ambas partes”, xa que do contrario, aos cinco anos os locais serán xestionados de nov opolo goberno autonómico. Incluso, en caso de chegar a un acordo entre Concello e Xunta para prorrogar a cesión dos locais, Lara Méndez non poderá ofrecer unha prórroga aos beneficiarios dos locais, xa que, ao tratarse dun ben público, ten que sacalo de novo a concurso público para a súa adxudicación, polo que “está a enganar” aos emprendedores.
Antonio Ameijide asegura que para o Grupo Popular investir na Tinería é unha boa opción, polo que animamos aos emprendedores a que o fagan,pero o que facemos agora “é explicar ben a letra pequena de Lara Méndez porque, do contrario, moita xente pode hipotecar o seu futuro”.