O Parlamento demanda á Xunta incrementar a formación dos gandeiros galegos

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a reforzar a investigación no ámbito gandeiro a través do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, así como incrementar a formación aos gandeiros a través dos centros de formación e experimentación agroforestal de Sergude, Becerreá, Monforte de Lemos e Pedro Murias en Ribadeo. A iniciativa demanda, ademais, a renovación do convenio con Xenética Fontao, S.A. para o plan de mellora xenética do frisón de Galicia.

O deputado popular Daniel Vega avogou porque a Xunta “siga impulsando, traballando e dotando de orzamento para que o noso leite siga sendo de calidade”. Neste sentido, apuntou que “reforzando a investigación, incrementando a formación e renovando convenios para promocionar a nosa xenética estaremos dando na clave do éxito”.

Na súa intervención, Vega manifestou que o futuro das explotacións gandeiras galegas “pasa polo I+D+I e os derivados lácteos”, polo que indicou que “o gandeiro ten que ser empresario: producir o leite pero  tamén transformar este produto, porque o futuro pasa por darlle valor engadido ao leite”.

Daniel Vega salientou o traballo que desenvolve o LIGAL no control da mamite, a brucelose e a leucose, “sen esquecer o mantemento do control da tuberculose, aínda que nestes momentos teña unha presenza mínima na nosa cabana do 0,05 por cento”.

Así mesmo, avogou por “seguir impulsando a formación que teña beneficios directos para os gandeiros”, sobre todo en materias relacionadas co uso das novas tecnoloxías no manexo das explotacións. Neste ámbito, salientou a importancia da formación para garantir o relevo xeracional nas nosas explotacións.“Hai que seguir apostando pola xenética”, indicou o deputado popular. Así, dixo que “se sumamos animais con condicións sanitarias perfectas, bo alimento, bo manexo no día a día da granxa con benestar animal e o completamos cunha boa xenética pechamos o círculo da boa xestión gandeira”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com