O Ribadeo Indiano recibe 50.000 visitas deixando máis de 3 millóns de euros na localidade

A Concellería de Turismo de Ribadeo fixo esta mañá un balance moi positivo do V Ribadeo Indiano que se celebrou durante a fin de semana na localidade. A edil, Ana Martínez, salientou que máis de 50.000 persoas abarrotaron a vila desde o venres ata o domingo, e gozaron dunha axenda repleta de actividades con música, teatro, visitas guiadas polo legado indiano, xincanas e concentracións de coches clásicos, entre outras.

Pola súa banda, a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos da localidade (Acisa Ribadeo) califica de éxito rotundo da festividade. O presidente do colectivo mariñán, Francisco Iriarte, considerou esta mañá que se superaron todas as expectativas previstas en canto a afluencia e repercusión económica. As primeiras estimacións apuntan a máis de 3 millós de euros de facturación. Iriarte subliñou que outros municipios limítrofes tamén se beneficiaron do Ribadeo Indiano.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio comentou que “só cinco anos fan deste Ribadeo Indiano un éxito. A verdade é que dende a organización a satisfacción é plena tanto pola asistencia de visitantes como pola participación nas diversas e numerosas actividades que se foron conxugando nestes días, charlas, xincanas, bailes, o festival de habaneras, coches de época, entre outras moitas que sería moi longo enumerar”.

Ana Martínez engadiu que a festa “podemos definila como a festa do pobo para homenaxear aos que un día tiveron que partir, pero que nunca, tanto fosen ricos como pobres, esqueceron a súa terra. Polo tanto quero dar as grazas a todas e a todos por facer posible esta homenaxe, e lembrar que o 2019 xa nos está esperando aí, o Ribadeo Indiano será a segunda fin de semana do mes de xullo (do 12 ao 14 de xullo), que volveremos ser indianos por un día”. A edil ribadense insistiu en dar “as grazas a todos e a todas de todo corazón, porque realmente sen vos non habería este éxito”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com