O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, comprobou in situ o resultado das obras de acondicionamento e mellora do local de reunión da Asociación de Veciños Campos de Vila, Revide e A Toca, no Concello de Quiroga, cuxas obras foron financiadas polo organismo provincial cunha axuda de máis de 10.000 euros. Os traballos consistiron no revestimento de cerámica do chan do centro social.
Santos Ramos destacou que “dende o Goberno buscamos mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, independentemente de onde vivan, pois somos unha Deputación social, rural e comprometida coas persoas”. O Deputado recordou que “é a segunda axuda que destinamos a Asociación nos últimos anos, pois con anterioridade xa se restaurou a Fonte da Toca e os camiños do redor, contribuíndo á mellora do benestar social dos veciños de Quiroga”.
O local social dá servicio a 100 veciños das Parroquias de Campos de Vila, Revide e A Toca maioritariamente. A creación deste fíxose co obxectivo de que os veciños tiveran un lugar onde reunirse, pasalo ben e desfrutar o tempo en veciñanza. Actualmente é o lugar onde se celebran actividades culturais, lúdicas e sociais. O local social de Campos de Vila concentra boa parte da oferta de ocio e cultura do entorno da vila.
Nas súas instalacións desenvólvense as festividades do entroido, magosto, e reunións de asociacións como pode ser a Comunidade de Montes. Tamén serve como lugar unión para as familias emigradas que se xuntan para revivir e recordar as costumes e eventos da zona. Esta é a segunda axuda que recibe a Asociación Campos de Vila. Con anterioridade recibiron outra achega de máis de 5.000 euros da Deputación para a restauración da Fonte de A Toca e os camiños circundantes a ela.