O BNG organizou, en Lugo, un encontro de militantes e simpatizantes como antesala á celebración do Día da Patria. Esta xornada festiva enmarcase dentro dos actos programados pola formación neste mes no que se celebra o 25 de xullo. Na xuntanza na que interviñeron dirixentes do BNG de Lugo houbo ademais xogos infantís e música tradicional.
O voceiro do BNG e candidato á Alcaldía por Lugo, Rubén Arroxo, fixo un chamamento a participar masivamente na celebración do Día da Patria, que o BNG conmemora este ano baixo o lema Sumar por Galiza, precisamente como referencia expresa a unir a todas as persoas que confían no potencial do país para construír un futuro mellor.
“Desde Lugo facemos un chamamento a participar nunha convocatoria aberta para sumar polo país, aberta a todos os galegos e as galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón e que, igual que o BNG, queren construír un futuro mellor, onde a nosa lingua e cultura podan desenvolverse con normalidade, con emprego digno, salarios e pensións decentes. En definitiva, construír a Galiza coa que soñamos”, salientou Arroxo durante a súa intervención.
As Parlamentarias do BNG, Rodil e Presas, coincidiron en recalcar a necesidade de que Galiza conte con forzas políticas propias para defender os intereses dos e das galegas, ante uns partidos estatais que se alternan na discriminación a este país mudando o discurso segundo estean no goberno ou na oposición. “Se algunha nación sen estado precisa un proxecto político propio esa é Galiza, porque padecemos máis as consecuencias do centralismo e padecemos máis ter forzas políticas que non miran pola xente deste país senón polos intereses que marcan as súas direccións a nivel estatal”, alegaron, “e nestas semanas vemos como cambia o guión das forzas estatais en función de se están no goberno ou na oposición, sen preocuparse por unha Galiza que perde oportunidades pero que ten dereito a ganar”.