A Concellería de Urbanismo e Medio Ambiente, que dirixe Luis Álvarez, pon a disposición dos veciños e veciñas un servizo que emprega as novas tecnoloxías para a resolución de consultas medioambientais e a comunicación de calquera tipo de incidencias no equipamento urbano.
A Concellería puxo en servizo o ano pasado o servizo Liña Verde a través do cal os veciños de Lugo deron conta durante o pasado exercicio dun total de 77 incidencias no equipamento urbano do noso concello. A maioría das comunicacións recibidas por esta canle refírense a parques e xardíns, recollida do lixo, limpeza e sumidoiros.
O servizo de Liña Verde é unha nova ferramenta a disposición da cidadanía para difundir as boas prácticas ambientais e, tamén, para fomentar a participación cidadá, contribuíndo deste xeito a que os lucenses se impliquen no coidado da nosa cidade e dos equipamentos públicos.
Para utilizar este servizo basta con descargar a APP Liña Verde en Play Store ou APP Store. Ademais, o servizo tamén está dispoñible a través da páxina web www.lineaverdelugo.com e pode accederse a el a través da web do Concello www.lugo.es