O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, lamentou que o goberno local non estea a tomar medidas para a prevención da expansión da vespa velutina “habería que sumarse a iniciativas que se están levando a cabo dende outras administracións para tratar de atenuar os efectos desta plaga que xa é unha realidade no noso país”. “A veciñanza está tomando medidas contra as velutinas en Lugo e o concello non fai nada”, advertiu Arroxo e referiuse ás trampas colocadas nunha propiedade privada na ronda da Muralla.
“As velutinas están en Lugo e o concello debe prever un plan de actuación”, dixo Rubén Arroxo quen lembrou que o pleno do concello aprobou unha iniciativa do BNG no ano 2016 para que se adoptasen as medidas precisas para o control da velutina no termo municipal. Para Arroxo “trátase dun problema que se da en todo o país e se non se toman medidas vaise converter nun grave problema para a apicultura, a agricultura e as propias persoas”.
O BNG propón, unha vez máis, que no concello implante sistemas de actuación para frear a plaga. Rubén Arroxo concretou a necesidade de instalar trampas en espazos públicos e animar á veciñanza a colocar trampas en terrazas e xardíns e explicou que “cada raíña que se captura é un enxamio menos e así irase freando o avance desta especie invasora”.