Máis de 81.000 persoas de 42 países abarrotaron a pasada semana o Concello de Viveiro co Resurrection Fest, xerando uns 2.000 empregos directos e indirectos, e sen ocasionar ningún tipo de incidente durante os catro días que durou a cita. Así o avanzou hoxe, na localidade mariñá, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o Director do Festival, Iván Méndez Rodríguez.
Santos Ramos apuntou que “un ano máis podemos cualificar de éxito rotundo o Resurrection Fest, pois durante catro días 81.350 persoas de 42 nacionalidades diferentes participaron no que xa é o festival de música metal e rock máis importante de España, e un dos máis relevantes de Europa. Evidentemente, isto supón un importante retorno económico para o Concello de Viveiro, que esgotou tanto as 2.000 prazas hoteleiras como as 12.000 de cámping municipal; para a Comarca da Mariña, pois moitas das localidades limítrofes recibiron visitantes; así como para o conxunto do territorio lucense. Neste senso, estase a elaborar un estudio do impacto económico do Resu na provincia de Lugo que publicaremos en próximas datas”.
O Deputado lembrou que “este festival xera un volume de negocio similar ao mundial de Rusia, porque o impacto no territorio é inmediato. Por cada euro investido pola Deputación, conseguimos un efecto multiplicador de 100 euros de beneficio”.
Loureiro García subliñou que “un dos aspectos máis salientables do certame é a xeración duns 2.000 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contratouse persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas taquillas… e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis”.
Así mesmo, a Alcaldesa destacou “o bo ambiente que se respira durante o certame, proba disto é que nas 13 edicións que se levan desenvolvido nunca houbo ningún tipo de altercado nin trifulcas. Así, nun evento desta magnitude é de resaltar a inexistencia de calquera tipo de denuncia e tampouco se rexistraron incidencias con respecto ao mobiliario urbano. Neste senso, é de agradecer o civismo e bo comportamento dos asistentes e, por suposto, a implicación e boa acollida que sempre demostran os veciños de Viveiro e, especialmente, os de Celeiro, que durante varios días ven interferida a súa actividade cotiá, porque desde o Concello desviamos o tráfico, prohibimos aparcar, cortamos accesos, iso é necesario para que o festival se desenvolva con éxito, pero tamén grazas ao respecto, a tolerancia e a colaboración de todos os veciños. E como non, á organización de todos os equipos de seguridade”.
Finalmente, Méndez Rodríguez apuntou que “por terceiro ano consecutivo logramos colgar o cartel de cheo para a actuación principal, a do grupo estadounidense KISS, pois xa o conseguiramos con Iron Maiden na edición de 2016 e con Rammstein en 2017. Este éxito, sen dúbida, é un aliciente máis para seguir traballando de cara a conseguir superarnos na edición do ano que vén”.