Daniel Piñeiro e a rexedora continúan sendo os que máis queixas reciben da cidadanía

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que a rexedora segue a “perpetuar” o bloqueo e a parálise como “sinais de identidade” do seu mandato á fronte do Concello de Lugo. Antonio Ameijide asegura que a día de hoxe hai 89 queixas de lucenses agardando por resposta o que demostra que “a lentitude” coa que resolven os socialistas as queixas dos cidadáns “é un indicativo do nulo interese que ten Lara Méndez por escoitar aos lucenses”.

Das 89 queixas pendentes de resposta, 20 van dirixidas á alcaldesa e 30 a áreas xestionadas polo concelleiro Daniel Piñeiro. O voceiro popular destaca que entre só dous concelleiros acumulan o 57% das queixas dos lucenses e que o retraso en respostar aos informes remitidos polos cidadáns pola súa xestión seguramente sexan un indicativo de que “tanto a alcaldesa como Daniel Piñeiro están máis preocupados por resolver o seu futuro xudicial que de solucionar os problemas que se lles presentan nas súas áreas de goberno”.

Antonio Ameijide recorda que son a rexedora e o edil Daniel Piñeiro os membros do goberno local con causas pendentes de resolver coa xustiza, sendo Piñeiro o concelleiro que máis problemas xerou no Concello de Lugo xa que “todo o que toca o volve caótico”: xerou o maior conflito en materia de persoal, posibles indemnizacións millonarias pola Fábrica da Luz, bloqueou as licenzas e fracasou coa praia fluvial, motivo polo que o voceiro popular afirmou que “nos atopamos na obriga” de pedir a súa reprobación no pleno, xa que a outra persoa que xera máis queixas xa está reprobada.

Entre as queixas pendentes de resposta sobresae a dun lucense que leva máis dun ano agardando a que se faga efectivo o cambio de titular nun vado, un problema denunciado hai poucos meses dende o Grupo Popular, cando se desvelou que un cento de lucenses agardaban a que se resolveran os expedientes de vados.

Ademais, o voceiro popular lamenta que “segue sen resolverse” un problema enquistado dende hai anos no Concello de Lugo e que, mensualmente, xera numerosas queixas entre os lucenses, como son as demoras nas devolucións dos cobros indebidos no recibo da auga. Por mor “do desmantelamento progresivo do Servizo de Augas” acumúlanse retrasos na devolución de cobros indebidos dos recibos de auga e queixas por lecturas supostamente erróneas dos contadores. Un problema que acumula xa 13 queixas sen resolver e que “poden ser máis” na seguinte comisión de queixas e suxestións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com