A Alcaldesa de Lugo xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou hoxe á veciñanza de Albeiros, as actuacións que prevé levar adiante o Goberno no barrio, entre elas, a mellora do parque infantil, cun investimento superior aos 86.000€, así como de varias rúas a través do Plan de Barrios.
Deste xeito, a rexedora avanzou que o Concello procederá a renovar as redes de abastecemento e saneamento e á pavimentación da rúa Pedáneo Xoán Diego, cun orzamento aproximado de 120.000€. Nesta rúa tamén se comezaron a facer as probas para proceder á conexión do alumeado público. Por outra banda, está previsto pavimentar a rúa do Vento e colocar varandas para mellorar a mobilidade dos peóns na rúa Padre Gómez, na esquina con Monte Faro.
Ao abeiro do Plan de Barrios, o Goberno xa acometeu unha actuación de mellora na zona, consistente na colocación de baldosas nun tramo da rúa Monte Faro, na esquina con Padre Gómez. Así mesmo, a Alcaldesa lembrou que a veciñanza de Albeiros verase beneficiada polo desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, proxecto dotado con un millón de euros grazas a un convenio de colaboración do Concello coa Deputación. Na actualidade, o proxecto técnico está listo e o de expropiación ultimándose.