A Deputación de Lugo ratificou o seu apoio á candidatura das Montañas de Courel a Xeoparque Mundial da Unesco, diante os dous avaliadores que fixeron estes días varias visitas de campo para examinar o territorio e as súas condicións para a candidatura. Así o sinalou o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, que mantivo un encontro cos representantes deste organismo das Nacións Unidas, no que lles manifestou “o apoio da Deputación a esta iniciativa cunha inversión de case 50.000 euros, para financiar distintas propostas destinadas á promoción do territorio como patrimonio xeolóxico”. A misión de avaliación rematou este serán cunha cea aberta ao público para amosar aos avaliadores o apoio social que os veciños dos tres Concellos, Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel lle brindan ao proxecto.
Os dous auditores da Unesco, que comezaron a súa misión de avaliación o martes, visitaron máis de 30 puntos de interese dos tres Concellos para considerar a inclusión do territorio na rede mundial de parques xeolóxicos. O informe avaliador presentarase en París en 2019, na vindeira Conferencia Internacional da Unesco, e será de vital importancia para unha resposta favorable.
Os observadores percorreron acompañados por membros da Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel, os principais lugares do patrimonio xeolóxico e o conxunto de recursos naturais o que lles permitiu coñecer a evolución da historia e xeoloxía da zona, así como os numerosos miradoiros que teñen a finalidade común de resaltar o valor dese patrimonio xeolóxico e mineiro do territorio e potencialo como recurso cultural e turístico.
O itinerario da auditoría celebrada estes días comezou desde a zona sur do territorio cara ao norte. Os avaliadores visitaron durante a primeira xornada a xeoloxía da contorna do rio Sil, as explotacións auríferas e diversas estruturas. Durante a segunda xornada de avaliación, achegáronse ata os recursos xeolóxicos da zona norte e o último día de visitas de campo foi a quenda para o Val de Seara, para amosarlles todos os aspectos relacionados cos vales glaciares.