María Isabel Rodríguez López é oficialmente a primeira subdelegada do Goberno na provincia de Lugo. Así se presentou hoxe diante da cidadanía lucense, nun acto no que avanzou as prioridades coas que chega a este cargo: a loita contra a violencia de xénero e a defensa da provincia.
Isabel Rodríguez asegurou que se presenta diante dos seus veciños con “humildade pero, sobre todo, a máxima responsabilidade e firme compromiso” que o posto require. Preséntase como a primeira muller que ocupa ese cargo na provincia e coa que se “rompe, por fin, unha barreira máis para as mulleres”. “Conmigo deixará de ser noticia que o Goberno de España confíe nunca muller para dirixir a Administración Periférica do Estado en Lugo. A verdade é que xa era tempo”.
Doutra banda, a nova Subdelegada avanzou tamén que o seu traballo se centrará en “velar pola seguridade dos lucenses, na defensa dos seus dereitos e liberdades”. Asegurou que traballará de man das Forzas e Corpos de Seguridade para “intensificar o traballo e rematar coa sensación de falta de seguridade que senten moitos veciños, especialemnte no rural”.
Isabel Rodríguez agradeceu a confianza depositada nela polo Goberno de España e polos dirixentes socialistas da provincia, Álvaro Santos e María Loureiro, e de Galicia, Gonzalo Caballero; tamén tivo unha lembranza especial para o finado alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e anunciou que as portas da Subdelegación estarán sempre abertas a todos os lucenses.
No acto de presentación, estiveron presentes, entre outras autoridades, o presidente da Deputación, Darío Campos, as alcaldesas de Lugo e Viveiro, o alcalde de Monforte, José Tomé; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel
Balseiro, e o exsubdelegado do Goberno, Ramón Carballo; quen tamén quixo agradecer o traballo do seu equipo á fronte desta institución así como de todas as Forzas e Corpos de Seguridade cos que traballou man a man.