A Lei 4/2017 de Benestar Animal de Galicia prohibe de forma inequívoca a venda de animais domésticos sen incluír o preceptivo número de rexistro do Reganuz, o Rexistro Galego de Núcleos Zoológicos, ademais de requirir o cumprimento dunha serie de requisitos básicos sobre o estado das instalacións ou o trato que reciben os propios animais.
Con todo, tal e como divulgaron a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber esta mañá, estes preceptos incúmprense de forma sistemática grazas ás plataformas web que posibilitan a inclusión de toda clase de anuncios e ofertas de cans e gatos sen ningún tipo de control nin seguridade.
Os animalistas denunciaron ante a Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente nada menos que 25 ofrecementos de comercio irregular de animais na provincia de Lugo publicados nunha coñecida páxina da internet, na que foron colocados no mesmo día, polo que instaron ás autoridades para poñer coto a este tipo de situacións.
Como explican as organizacións non só se trata da carencia de garantías sanitarias e de normativa relativa ás persoas consumidoras, senón tamén dunha fraude crecente que no caso dos anuncios denunciados supoñería un estraperlo de miles de euros en impostos que non se pagarán, desde o IVE, pasando polo IRPF ou o IAE ao que están obrigadas as empresas, como un centro de cría autorizado.
FFW e LIBERA! explican que as multas contempladas na normativa vixente transitan desde os 501 ata os 5.000€, coa posibilidade de que os vendedores ilegais poidan ser tamén sancionados coa inhabilitación para a tenencia de animais por un máximo de cinco anos, o que contribuiría a disuadir da compravenda a outros futuros incumplidores. Neste sentido os defensores dos animais instaron á Xunta de Galicia a actuar con dureza fronte a unha problemática que deriva, en non poucas ocasións, en novos abandonos que acaba pagando o animal e o conxunto da cidadanía a través dun maior gasto público en servizos de recollida e acollida específicos, tal e como obriga a propia Lei autonómica.