Lugonovo advirte de altos valores de arsénico nas fontes municipais

36 dos 46 mananciais do municipio están contaminados. Así o determinan os informes das últimas analíticas realizadas polo Concello no período de marzo a xuño deste ano.

“Case o 80% das fontes non conectadas á traída padecen contaminación bacteriolóxica pero é que, ademais, nunha decena delas se detectaron restos fecais e, noutras moitas, se constata unha elevada concentración de arsénico que chega a duplicar os parámetros máximos previstos para este valor”, refire Víctor Álvarez.

O edil de Lugonovo subliña o caso do manancial das Campas, en Galegos, o de Arcada, no Paseo do Rato ou mesmo o da Chanca, nos que se aprecia unha destacada presenza deste perigoso químico. “A inxestión desta substancia resulta moi prexudicial xa non só pola súa toxicidade senón tamén polo efecto acumulativo que ten no organismo – sinala Álvarez Arias – que pode carrexar afeccións gástricas severas pero tamén outro tipo de enfermidades graves”.

O Grupo Municipal considera necesario extremar os controis ante o que vai camiño de converterse nunha problemática de primeiro orde tanto a nivel ecolóxico como de saúde pública e lembra que, na maioría das localizacións nas que se atopan estas fontes, desapareceu a sinalización que advirte da incerteza da súa salubridade.

A formación cre que, detrás da mala calidade das augas, está o feito de que a maioría das parroquias de Lugo non dispón de saneamento. “As técnicas de depuración convencional resultan moi onerosas debido á cantidade de núcleos nos que se divide o territorio e á súa dispersión. Sen embargo existen alternativas que, cun menor custo, son capaces de resolver estes atrancos”.

Falamos dos filtros verdes. Pequenas zonas húmidas artificiais nas que se reproducen os procesos de autodepuración que, de forma natural, se dan nas lagoas a través das raíces da vexetación que conteñen – abonda Víctor Álvarez – e que poderían ofrecer un bo servizo a todas estas poboacións que agora carecen de infraestruturas. No Pleno deste xoves, proporemos á Corporación que os técnicos do Concello valoren a posibilidade de crealos naqueles puntos do rural nos que, polas súas características xeográficas e demográficas resulten unha opción viable para o tratamento das augas residuais”.

O concelleiro de Lugonovo enumera as razóns de peso que, ao seu xuízo, fan a proposta merecedora, cando menos, do seu estudo: “É un sistema eficaz e simple de operar, cun mínimo ou nulo consumo enerxético e químico, que xera poucos residuos, de baixo impacto ambiental sonoro e con escasas necesidades de mantemento ademais dunha boa integración no medio que propicia o asentamento de fauna autóctona na contorna. A súa instalación resulta máis económica que os métodos tradicionais e, ademais, pode financiarse mediante subvencións procedentes de programas europeos, dentro da Directiva Marco da Auga. En definitiva, son todo vantaxes”, conclúe Álvarez Arias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com