O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos; o Presidente do PSdG-PSOE e Portavoz no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga; o Deputado Socialista no Parlamento Galego pola Provincia de Lugo, Luis Álvarez Martínez, xunto ao Secretario do PSOE en Taboada, Roi González, e a voceira do municipio, María Amo, mantiveron hoxe un encontro con traballadores da cooperativa Aira na planta de pensos que ten situada no Concello de Taboada. Acompañados do Presidente de Aira, José Manuel Tellado, e do Director Xeral, Daniel Ferreiro, coñeceron de primeira man o proxecto desta cooperativa agrogandeira de primeiro grado que conta na actualidade con máis de 2.500 socios e 1.100 granxas activas que producen 330 millóns de litros de leite ao ano.
Santos Ramos destacou que “Aira é un dos mellores exemplos que temos na provincia e en Galicia do cooperativismo, un referente de eficacia produtiva no sector agrogandeiro que ademais de garantir estabilidade, xera riqueza e crea emprego de calidade, pois conta no seu persoal con máis de 220 profesionais. Sen dúbida, os socialistas estamos comprometidos con este tipo de iniciativas que ofrecen alternativas no ámbito da produción, comercialización e distribución dos produtos que traballan os veciños no campo porque ademais de impulsar a economía son imprescindibles para loitar contra o despoboamento do rural”.
Pola súa banda Leiceaga subliñou que “dende o PSOE potenciamos e fomentamos políticas que promovan o cooperativismo agrogandeiro porque consideramos que este tipo de fórmulas asociativas son fundamentais para que o rural siga existindo e teña un futuro digno, aproveitando as potencialidades e a optimización de recursos que ofrece o sector, dentro da nosa firme aposta por fixar poboación en núcleos rurais. Os socialistas seguiremos traballando pola creación de valor engadido e unha estrutura territorial das explotacións galegas que as fagan máis competitivas”.
Os socialistas aproveitaron o encontro para visitar a maior planta de pensos de vacún de Galicia, localizada en Taboada, propiedade de Aira. Neste último ano a fábrica produciu máis de 170.000 toneladas de penso, con 700 mesturas diferentes elaboradas, e prevé un maior crecemento no vindeiro ano. Os responsables de Aira avanzaron aos socialistas as novas fases que afronta a cooperativa para expandir a súa comercialización, sobre todo no sector lácteo, que no 2017 distribuíu de forma directa preto de 100 millóns de litros de leite.
A cooperativa Aira acada un volume de negocio superior aos 90 millóns de euros anuais. Esta sociedade suma 14 agrotendas, 3 parques de maquinaria, 19 carros de mesturadores, ademais de ofrecer diferentes servizos como asesoramento, xestión de seguros, veterinaria, entre outros moito. Actuamente, en Aira están integradas as cooperativas Icos, Agris, Coelplan e Cogasar.