A Xunta mellora a accesibilidade da ruta Seimeira de Vilagocende

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, vén de conceder unha axuda de 13.500 euros ao Concello da Fonsagrada para o acondicionamento da zona de aparcamento e mellora da ruta da Seimeira de Vilagocende, unha das zonas turísticas máis importantes deste municipio.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que con esta axuda trátase de facilitar a accesibilidade da propia ruta e a posibilidade de aparcamento das persoas que queiran visitar este espazo, que contén un dos saltos de auga máis espectaculares da provincia, ao paso do río Porteliña, e tamén un dos máis grandes de Galicia, pois supera os 50 metros de altitude.

Na actualidade, no punto de orixe da ruta, existe unha pequena zona de aparcamento para tres o catro vehículos, unha cantidade moi insuficiente para asumir o volume de visitas que recibe. Por iso, o groso da achega vai dirixida a financiar os traballos de escavación e desmonte do terreo no que se pretende ampliar a superficie e para o acondicionamento dunha explanada que serviría como parque e como espazo para que os automóbiles ou vehículos máis grandes como autobuses poidan realizar as distintas manobras.

A axuda tamén permitirá acometer outros traballos de mellora e posta en valor da propia ruta, como a limpeza e roza dos laterais do camiño desde a estrada á seimeira, un espazo de circulación peonil, ou o acondicionamento do firme de camiño cunha capa de zahorra compactada, ideal para facilitar o paso seguro e a accesibilidade dos visitantes e dos sendeiristas.

“En definitiva estamos a falar de poñer en valor un espazo natural chego de árbores autóctonas, espectaculares miradoiros naturais e no que se conta coa propia fervenza”, explicou Balseiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com