A portavoz de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, acusou esta mañá á alcaldesa de pretender “disfrazar de orzamentos participativos a habitual política do PP e do PSOE de tapar fochancas e colocar farolas ás portas das eleccións”.
Olga Louzao referiuse desta forma ao prazo dado polo Goberno municipal ata o día 7 de setembro para que os lucenses presenten as súas propostas aos orzamentos participativos do Concello. Cidadáns considerou que “o feito de que o Goberno abrise este proceso en agosto, en plenas vacacións, demostra que non ten intención algunha de que a cidadanía participe achegando ideas e propostas”.
A portavoz de Cidadáns considerou ademais “ilóxico” o límite máximo de 15.000 euros imposto polo Goberno ás propostas que se presenten. “Con ese importe non se poderán acometer actuacións relevantes nos distintos barrios nin no conxunto da cidade, só meras chapuzas”, indicou.
A portavoz criticou que a contía total reduciuse en 150.000 euros con respecto á convocatoria de fai tres anos, quedando simplemente limitada a un total de 350.000 euros, “unha cantidade ridícula tendo tendo en conta que o orzamento deste ano do Concello é de case 100 millóns de euros”, concluíu Louzao.
Olga Louzao lembrou ademais, que a última vez que o Goberno socialista sacou unha convocatoria de orzamentos participativos foi precisamente xusto antes da campaña electoral de fai tres anos, polo que a considerou “un instrumento que está pensado para fomentar a participación cidadá en mans da alcaldesa será simplemente unha ferramenta usada con fins electorais“.
“Só en anos electorais”
Neste mesmo senso falou a edil do BNG, Maite Ferreiro, quen lamentou que “o PSOE unicamente faga convocatorias de orzamentos pseudo-participativos nos anos electorais” e sinalou “non houbo convocatorias nos anos 2016 e 2017 pero agora faise a convocatoria para que a alcaldesa poida pasearse polos barrios como fixo cando recolleu as propostas sobre o bus que despois non se tiveron en conta”.
“A última convocatoria foi en 2015 xusto antes das eleccións e agora ábrese outra vez antes das eleccións de maio de 2019”, dixo Maite Ferreiro e explicou que “estes procesos nada teñen que ver cuns orzamentos participativos reais, trátase dun paripé do PSOE para despois facer as obras que lles piden os seus adláteres”. Ferreiro insistiu en que “non é serio xustificar a execución dun orzamento municipal en base ao número de gústames que recibe un proxecto na web”.
Ferreiro lembrou ademáis que na última convocatoria de orzamentos deste tipo que fixo o goberno socialista, no ano 2015, unicamente se executaron 46 proxectos dos 264 presentados “ignoráronse o 83 % das propostas, o que deixa claro que é unha operación propagandística e non un proxecto real de orzamentos participativos”. E algúns de estes proxectos foron tan chamativos como a cuberta dunha nave do parque de Frigsa “non é normal que o amaño dunha instalación municipal se inclúa neste tipo de orzamentos” sinalou Ferreiro.