As nóminas dos empregados de Suplusa continúan no aire

O presidente de Suplusa, Manuel Martínez, aseguraba onte ante a prensa que os traballadores de Suplusa non ían cobrar as nóminas correspondentes ao mes de xullo como consecuencia, segundo el mesmo afirmaba, das “manobras, coaccións e chantaxes” do Goberno Provincial socialista. Ante esta denuncia, o grupo provincial do PP presentaba hoxe de urxencia no Pleno unha moción para esixir que o Goberno solvente “coa maior axilidade” a situación producida en Suplusa para que os traballadores podan cobrar as súas nóminas.

Nun forte debate, no que Elena Candia avogou por “minimizar os problemas de entendemento, que son públicos e notorios” e “buscar unha saída de maneira urxente e inmediata”, a voceira popular considerou que a institución provincial debe implicarse pois “contan con Suplusa para traballar pero non para pagar”.

Neste senso, e antes de entrar ao salón plenario, o Presidente da Deputación, Darío Campos, aseguraba que non se trataba dun problema o feito de non ter interventora, pois Suplusa “ten personalidade xurídica propia” e tivo dous meses para solucionar esta eiva. 

“A min tamén me preocupan os traballadores de Suplusa, unha sociedade mercantil e con personalidade xurídica propia, ten que ter recursos para pagar aos seus traballadores”, analizou Campos Conde, quen asegurou que “Suplusa pode pagar, como pagou o IVE e os Impostos de Sociedades; ten que saber solventar os problemas que se lle acumulan, porque a interventora dimitira, eles tiveron dous meses para arranxar unha situación que agora parece que é grave e é de non saber xestionar unha entidade como Suplusa”.

Ante estas declaracións, o deputado non adscrito e presidente da Sociedade Urbanística, Manuel Martínez, expuxo no pleno que estas actuacións do goberno forman parte dunha “operación de acoso e derribo contra Suplusa, porque cren que Suplusa é Manuel Martínez”. En  referencia ás declaracións de Campos Conde, Martínez non dubidou en confirmar que a entidade “ten recursos, si e esa é a sorte de Suplusa”, pois considerou que estes recursos denotan “unha boa xesión, a pesar do Goberno que poñen trabas e pedras” á entidade.

Segundo Martínez, e na súa consideración, o que o goberno está a pretender, é que Suplusa actúe “sen fiscalización”, ao que dixo estar disposto “autorizado” polo presidente da Deputación. “Se hai que asumir responsabilidades, asumirémolas”.

Noutro senso, o presidente de Suplusa, que asegurou que a entidade está a facer “funambulismo” para poder facer fronte aos pagos sen contar cun interventor, recoñeceu que calquer organismo debe ser fiscalizado, e culpou ao goberno de Campos Conde de “querer crear un problema en Suplusa a costa de 29 traballadores mil euristas”.

Os 15 deputados cos que conta a oposición do goberno provincial consideraron votar a favor da moción de urxencia dos populares na que se lle insta á Deputación a solventar canto antes estes problemas e a implicarse no pagamento das nóminas destes 29 traballadores de Suplusa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com