Lugonovo urxe á creación dunha ordenanza de publicidade en Lugo

O mesmo dá un espectáculo de circo, que unha sesión discotequeira, unha feira de mostras ou as festas parroquiais. E tanto teñen as pantallas acústicas das estradas como os piares da ponte sobre a Nacional VI, que un colector, un sinal topográfico ou mesmo un farol.

Todo vale para termar dos anuncios que, pouco a pouco, van tapizando á cidade ata convertela nun escaparate gratuíto e de mal gusto. É a denuncia que fai Lugonovo logo de comprobar, como cada recuncho da capital pasa a ser un inmenso taboleiro propagadístico no que teñen cabida todo tipo de reclamos, especialmente nestas datas do verán, cando se multiplican as celebracións patronais no rural.

“A ausencia dunha ordenanza que regule a publicidade exterior está a propiciar que o mobiliario urbano transcenda do seu uso para volverse unha auténtica carteleira de orquestras. Un expositor multicolor que, cada fin de semana, vai aumentando de grosor para actualizar a oferta de ocio”, lamenta Víctor Álvarez. O concelleiro de Lugonovo apunta á imaxe de sucidade que reflicte, xa que a maioría destes anuncios tardan meses e mesmo anos en retirarse,  solapándose uns aos outros sen que ninguén asuma a súa limpeza.

O feito de contar cunha normativa permitiría poñer orde en cuestións coma esta, mais levamos unha década agardando que o goberno remate un documento que logo parece xa a obra do Escorial”, reprocha Álvarez Arias quen suxire que, mentres o texto non entre en vigor, se habiliten, de forma provisional, espazos concretos dentro da cidade nos que poder pegar carteis sen necesidade de deteriorar os elementos da vía pública.

O edil da formación critica a manga ancha que, neste aspecto, exhibe o executivo que “aínda non satisfeito con permitir que unha empresa privada xestione e se lucre da publicidade que comercializa nos mupis sen contraprestación algunha para o Concello, tampouco fai nada para dotar dun marco legal a capacidade de intervención da administración local neste eido, sen sopesar sequera as cuantiosas perdas económicas que entraña a imposibilidade de recadar tributariamente por este concepto”, conclúe Víctor Álvarez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com