O Goberno da Deputación denuncia que o PP facilitou a aprobación dunha proposta ilegal

Segundo o equipo de goberno da Deputación de Lugo,os 12 Deputados do Partido Popular “facilitaron co seu voto a favor que o Pleno da Deputación debatese e aprobase este martes unha proposta ilegal, que non estaba incluída na orde do día, precisamente, pola súa ilegalidade. Esta non se pode executar”. A proposta consiste, tal e como apunta textualmente, na “encomenda do Pleno da Deputación a SUPLUSA de intervir sen limitacións nos sectores da xeración e comercialización da enerxía. A Secretaria Xeral da Deputación, que é o departamento provincial coa máxima autoridade xurídica, tiña informado sobre a súa ilegalidade”.

A Secretaría Xeral “fíxoo a través dun informe que elaborou e presentou días antes da sesión plenaria. Neste explícase que a proposta é ilegal por varios motivos:

1.- A proposta incumpre “de forma temeraria e grosera” os requisitos da Lei de Contratos do Sector Público.

2.- A proposta non inclúe documentos imprescindibles por lei para poder aprobar calquera iniciativa pública. Por exemplo, unha memoria económica, un plan de viabilidade, unha análise do mercado relativa á oferta e á demanda, a súa rendibilidade ou efectos sobre a concorrencia empresarial… entre outras cuestións, que garantan, cando menos, obrigas legais de todas as entidades locais, como cumprir coa estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira da Deputación.

3.- A Deputación non pode aprobar ningunha nova encomenda a SUPLUSA porque non é medio propio. A Sociedade Urbanística Provincial perdeu esta condición e non a recupera ao negarse a cumprir os requisitos que establece a lei para volver a selo”.

Por todas estas razóns, que foron informadas con anterioridade ao Pleno, a proposta non foi incluída na orde do día da sesión.

Con todo, “os 12 Deputados do Partido Popular decidiron en primeiro lugar votar a favor da urxencia desta proposta para introducila no debate da sesión plenaria”. E a posteriori, “e logo de ser advertidos de novo e en reiteradas ocasións pola Secretaria Xeral da Deputación sobre a súa ilegalidade, votaron a favor da mesma, facendo caso omiso ás advertencias do departamento xurídico de máxima autoridade provincial”.

O Goberno Provincial anunciou que, debido a súa ilegalidade, a proposta non se pode executar en ningún caso”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com