O Goberno de Lugo iniciará o vindeiro mércores, 8 de agosto, as xuntanzas coa veciñanza para implicala nos Orzamentos Participativos, coa finalidade de que a cidadanía luguesa erga a man e tome a palabra, que decida en que e en onde se invistan os orzamentos municipais, e achegue as súas propostas para materializar as súas necesidades, inquedanzas ou aportacións.
Será a partir das 20:00 horas, no local social dos maiores do Sagrado Corazón. Deste xeito, os lugueses e luguesas poderán, decidir de forma directa o destino de 350.000 euros con cargo ao presuposto deste 2018. Tras esta reunión, o Goberno achegarase a outras barrios da cidade. O Concello informa destas reunións tanto na súa web www.lugo.gal como nas redes sociais.
Esta é a primeira fase dos orzamentos participativos, a recollida de propostas de diferentes investimentos de ata 15.000 euros, que estará aberta ata o 9 de setembro. Ademais desta ferramenta de participación, os veciños e veciñas poden facer chegar as súas ideas a través da web loop.lugo.gal ou ben no Rexistro Xeral do Concello. Nesta fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballos.
Os seguintes pasos
Tras a primeira fase, terá lugar a de avaliación da viabilidade desas propostas, por parte dun equipo técnico municipal. Logo, unha terceira de votación das propostas, tecnicamente viables. Nesta fase poderán participar persoas empadroadas no Concello, maiores de 14 anos. A última fase é a de execución das actuacións que a xente decidiu e votou.