O BNG lembrou, a través da edil Maite Ferreiro, que o Concello de Lugo continúa sen poñer en funcionamento unha aplicación para teléfonos móbiles de cara a que as persoas xordas se poidan poñer en contacto con servizos como bombeiros ou policía local, en caso de emerxencia de forma totalmente independente, unha demanda existente
neste colectivo e que avanzaría nas ferramentas de inclusión no concello.
Estas aplicacións teñen un funcionamento bastante semellante ao que poida ser as populares Whatsapp ou Telegram, dado que as persoas se poderán comunicar cos servizos de policía e bombeiros por vía escrita, enviar fotos da situación e dar a localización GPS. Ademais, en palabras do grupo municipal, isto sería un custo moi pequeno ao lado do servizo que ofrece, xa que lles dá total autonomía a estas persoas, non tendo que depender doutras, derribando así unha barreira máis e creando igualdade de atención entre veciñas e veciños do concello neste ámbito.
Maite Ferreiro lembrou que, no mes de xullo de 2016 “aprobouse una iniciativa no pleno pero o goberno non fixo nada” e engadiu “a día de hoxe as persoas xordas non se poden comunicar cos servizos de bombeiros e policía local en caso de emerxencia, esta fórmula sería a solución”.