Este venres O Goberno da Deputación aprobou en Xunta de Goberno a adxudicación do proxecto para a creación dun ecosistema integrado de turismo científico no territorio Ancares-Courel. Trátase dun proxecto novidoso, enmarcado dentro do Plan Estratéxico de Turismo e dotado con preto de 70.000 euros, que busca que montaña luguesa conte cun proxecto turístico pioneiro acorde co potencial dos seus moitos recursos naturais.
A creación do ecosistema integrado de turismo científico Ancares-Courel busca que se desenrolen as estruturas necesarias para crear un turismo de calidade, avalado polo distintivo “Observer Turismo Científico”, sostible e vivo durante todo o ano.
O Goberno Provincial pretende así dar o pulo inicial a un turismo innovador, nunha rexión que conta cun dos maiores espazos naturais de Galicia e múltiples zonas de protección do medio natural. Entre elas, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lugueses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá; as zonas especiais de conservación ZEC Ancares-Courel e a Zona Especial de Protección para as Aves dos Ancares, ambas pertencentes á Rede Natura 2000; a Reserva Nacional de Caza e zona de Especial Protección do oso pardo e a declaración como Paraxe Pintoresco da Serra dos Ancares en Cervantes
Accións a Desenvolver
Para acadar o distintivo Espazo “Observer Turismo Científico”, que en Galicia só ten o Parque das Illas Atlánticas, o territorio terá que pasar unha auditoría previa que valorará o seu potencial. Unha vez acadado o selo de calidade, implementarase unha estratexia na que se contemplan preto de 10 accións a desenvolver. Entre elas, a creación dun grupo de traballo cos axentes claves do territorio, unha páxina web, o deseño dun catálogo divulgativo de bens de interese científico deste espazo, así como cinco itinerarios temáticos ligados ao turismo científico e a creación dunha APP. Ademais, desenvolverase unha programación anual de turismo científico, un seminario para empresas do sector sobre o mesmo e un seminario de formación para guías e informadores turísticos.