Os Bombeiros de Vilalba traballan arreo na extinción dun lume iniciado nunha palleira no lugar de Reboxento, en Piñeiro, na localidade de Xermade.
A esta hora o lume está controlado pero segundo o relato dos profesionais de Vilalba, as tarefas de extinción prolongaranse debido á cantidade de herba seca, ferramentas e outro material que se almacenaba no seu interior.
Pasados dez minutos das 09:30 horas desta mañá, o CIAE recibía a alerta dun particular que informaba dun lume nunha palleira, a carón dunha cuadra e moi preto dunha vivenda. Aseguraba que non había ninguén afectado.
A partir de aí, dende o 112 alertouse de inmediato aos membros de extinción do parque comarcal de Vilalba, Garda Civil, efectivos do GES de Guitiriz e de Protección Civil da localidade. Tamén, os Bombeiros do Eume desprazáronse ata o punto para prestar apoio aos compañeiros de Vilalba.