Aínda que o pasado 31 de maio expirou o prazo que daba a Xunta para rozar ou talar franxas de seguridade de 50 metros en torno a vivendas ou núcleos habitados, “lonxe de terse cumprido o mandado estamos a comprobar que o único que temos a día de hoxe, en pleno mes de agosto e cos axentes forestais en folga indefinida para denunciar a precariedade das súas condicións laborais, é un incumprimento xeneralizado da norma”, así o confirman as afiliadas e afiliados do Sindicato Labrego Galego de diversas comarcas de toda Galiza, e “así era de prever o día que a Xunta fixo abandono de funcións neste tema para pasarlle a pataca quente aos concellos”
“De feito, os concellos -responsables de comprobar o cumprimento da obriga, de multar as infraccións ou realizar rozas de maneira subsidiaria trasladándolles o custe aos donos das fincas- xa expresaron a imposibilidade de cumprir coas súas funcións” segundo declarou o presidente da Fegamp, Alfredo García.
Outra queixa dos sectores agrogandeiros é que “se está a facer fincapé na seguridade cidadá e nas masas forestais a carón de vivendas e núcleos habitados; pero deixando esquecidas as forestacións ilegais de terras agrarias ou as distancias tamén ilegais de plantacións forestais con respecto a leiras e praderías. Como xa ten denunciado o Sindicato Labrego Galego”.