A Plataforma Lugo Sen Mordazas inicia hoxe a actividade Patio do Barrio, cun ciclo de cine inclusivo que se desenvolverá durante os martes do mes de agosto na Tinería, xunto á Porta Miñá. A primeira proxección será a do clásico de cinema “O Maquinista da Xeral”, esta noite ás 21:45 horas.
O obxectivo desta iniciativa é a reivindicación dos espazos públicos como lugar de encontro da cidadanía para tecer cultura e facer comunidade, fronte á privatización dos mesmos con afán de lucro empresarial, que é un dos principais obxectivos da Ordenanza Mordaza que está a tramitar o goberno local. “Cando nos xuntamos un grupo de persoas na rúa e conversamos sobre o que nos afecta, nos preocupa, cando soñamos conxuntamente, xorden ideas. Estas ideas compartidas e coxestionadas, únenos nun proxecto e isto fainos crear comunidade”, explica Ana Barba Núñez, unha das organizadoras deste ciclo de cinema.