O Grupo Provincial Popular pídelle á Deputación de Lugo “axilidade” para facer efectivas as axudas comprometidas aos concellos afectados polos lumes do pasado mes de outubro. De feito, os populares anuncian que levarán a Pleno unha iniciativa coa que reclamarán o pago destas axudas comprometidas polo Goberno provincial.
Os populares destacaron que a Xunta de Galicia dese cumprimento ao compromiso cos concellos afectados a través da sinatura dos convenios de colaboración para sufragar o 50% dos custos das súas actuacións na extinción dos lumes e dos danos que estes puideron causar en infraestruturas e servizos municipais.
Concretamente, o delegado da Xunta en Lugo asinaba este luns o convenio cos Concellos de Castro de Rei, Cervantes, Negueira de Muñiz, As Nogais e Pantón, os cinco que solicitaron estas axudas conforme ao establecido na convocatoria para a que o Goberno galego achegaba un orzamento de 13,2 millóns de euros.
Agora, dende o Grupo Provincial esíxenlle ao Goberno da Deputación de Lugo dar resposta ao compromiso adquirido, xunto ao Goberno central, coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para financiar o outro 50%.
Os deputados populares úrxenlle ao ente provincial para “dar cumprimento a estes compromisos adquiridos co obxectivo de desafogar as arcas municipais daqueles municipios afectados”; xa que “a Deputación debe estar ao servizo dos Concellos da provincia”.