O voceiro do BNG no concello Rubén Arrojo, volveu cuestionar unha vez máis “a falta de vontade absoluta do PSOE para que a xente de Lugo poida usar o Miño como unha zona pública de baño”. Se en días pasados dende a organización nacionalista denunciaban que “o goberno municipal xa deixaba claro na Comisión de Seguimento de Asuntos Plenarios que non hai vontade política e que non se vai facer asumindo por tanto que Lugo siga sendo un dos poucos concellos polos que pasa o Miño sen unha área de baño, hoxe podemos ver como o propio PSOE dende a Deputación boicotea outra proposta do BNG, que foi aprobada en pleno por unanimidade, como era a de adaptar o pantalán dos Robles como un acceso seguro ao río”.
O portavoz do BNG dixo que “esta non é a primeira cuestión deste estilo que se ve en Lugo, hai 3 anos vendo o perigo do acceso do parque Marcos Cela á Volta da Viña decidiuse pechalo en vez de reparalo, o cal demostra a falta total deste goberno por dar solución aos problemas da cidade”
Finalmente o BNG volve pedirlle á alcaldesa que recoñeza publicamente que “o PSOE non quere e non vai facer a zona pública de baño e que deixe así de enganara a todas as veciñas de Lugo”.