O Concello de Mondoñedo inicia unha campaña de contacto con preto de 350 asociacións do Camiño de Santiago de todo o mundo

O Concello de Mondoñedo, a través da delegación de Turismo, da inicio a unha campaña para a súa promoción e posicionamento como fin de etapa do Camiño Norte de Santiago entre 346 asociacións do Camiño de distintos países do mundo.

Esta iniciativa do Goberno local permitirá achegar información sobre os puntos de interese e os recursos dispoñibles para os peregrinos a través de correos electrónicos a todas as asociacións do Camiño de países coma Portugal, Francia, Italia, República Checa, Austria, Polonia, Lituania ou aos Estados Unidos que se recollen no directorio do Plan Xacobeo: http://www.caminodesantiago.gal/es/descubre/asociaciones-del-camino/directorio-de-asociaciones.

A rexedora local, Elena Candia, indica que “a campaña, ademais de dar puntual información de servicios destinados aos peregrinos, inclúe a posibilidade de convidalos a ver outros recursos da cidade”.

O departamento de turismo do Concello achega información gráfica especialmente dirixida aos peregrinos sobre o Centro de Interpretación do Camiño Norte, o Real Seminario Conciliar de Santa Catalina, o albergue municipal, a Catedral Basílica da Asunción, o Museo Catedralicio, o Palacio Episcopal ou o pazo de San Isidro; ademais doutra información útil de aloxamento e outros servizos.

Non falta información para poñer en valor outros aspectos de interese da cidade coma as casas vitais de Pascual Veiga e Leiras Pulpeiro, o trazado da antiga muralla medieval, a alameda e o santuario dos Remedios, o museo do mago Merlín, a Fonte Vella, o barrio dos Muíños e a súa actividade artesá ou as festas que se celebran ao longo do ano en Mondoñedo: As San Lucas, os Remedios, As Quendas, o Mercado Medieval e a Rapa das Bestas.

As visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo ou á Catedral de Mondoñedo son outras das propostas achegadas ás asociacións, xunto á información sobre unha ruta literaria ou os convites para a degustación da Tarta de Mondoñedo e de produtos da horta mindoniense. Igualmente, esta iniciativa inclúe o sorteo de aloxamento en establecementos hostaleiros do municipio.

Posicionamento de Mondoñedo como final de etapa

O posicionamento de Mondoñedo como final de etapa do Camiño Norte de Santiago é un dos obxectivos do Goberno local que está a promocionar tamén o municipio noutros eidos coma, por exemplo, entre o sector hostaleiro da comarca da Mariña.

Neste caso, o Concello continua a achegar os recursos do municipio a través dunha acción dirixida especificamente aos peregrinos en liña coa iniciativa presentada o pasado mes de novembro no II Fórum do Camiño de Santiago ‘Fairway’.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com