Rematan as auditorías nas praias mariñanas para manter o distintivo medioambiental

As auditorías internas que se efectúan dende a Deputación para manter o distintivo da Certificación Medioambiental das praias da Mariña, remataron este xoves en Burela, tras percorrer as costas dos Concellos de Ribadeo, Foz, e Viveiro ao longo do mes de agosto. As probas, que se celebraron coincidindo co remate da tempada de baño, consistiron en analizar o estado das augas e dos areais das praias dos Concellos de Foz, Viveiro, Ribadeo e Burela e teñen como obxectivo revisar o grao de cumprimento dos requisitos establecidos na lexislación para a obtención da Certificación Medioambiental ISO 14.001, unha certificación que garante unha correcta xestión ambiental que minimiza o impacto nas praias, e na que o organismo provincial inviste 17.768 euros, dos que 10.781 euros son para consultoría e asesoría e 6.897 euros, para a fase de certificación.

A Deputación puxo en marcha o proxecto da certificación medioambiental en 2009, nun esforzo por garantir que as praias mariñanas foran un referente de calidade en España. O compromiso do Executivo provincial con este distintivo enmárcase dentro da aposta do organismo provincial polo medio ambiente como unha oportunidade económica para os Municipios da Mariña. Por este motivo o organismo provincial forma aos Concellos na lexislación europea que rexe esta certificación das praias, EMAS (Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría), que é o regulamento máis estrito en materia medioambiental, que recoñece aquelas institucións que teñan implantado un sistema de xestión medioambiental e que teñan adquirido un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes.

Así, con este apoio, o organismo provincial establece tres obxectivos: a xestión das praias como un verdadeiro servizo público, lograr unha tarxeta de presentación da provincia de Lugo que marque diferenzas; e facilitar o acceso a futuros fondos europeos, grazas ao cumprimento das normas comunitarias.

Beneficios

O recoñecemento das praias da Mariña con este distintivo medioambiental leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. En primeiro lugar, achega un beneficio ambiental, xa que o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. A certificación supón a aplicación de actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias.

A certificación ofrece tamén un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo a certificación. As praias con este certificado, concedido segundo a normativa EMAS, figura nun rexistro oficial de administración autonómica ao que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Abre as portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles aos municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando a súa posición social e a súa visibilización entre o público.

En terceiro lugar, a Certificación Medioambiental leva consigo un beneficio económico. Coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acabarán reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com