O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou hoxe o compromiso do Goberno galego co concello de Guitiriz, onde ten previstos investimentos por valor de preto de 3,1 millóns de euros que se irán materializando ata final de ano, “sen prexuízo -matizou- das novas actuacións que se decidan e outros programas de axuda que se vaian resolvendo nestes próximos meses”.
O delegado explicou que o 79 por cento desta contía está destinadas “a impulsar a actividade agropecuaria, que resulta fundamental neste munipicio, con axudas ás explotacións e ás empresas agroalimentarias”, se ben tamén se invisten 630.000 euros na modernización de infraestruturas e a mellora dos servizos: camiños, dotacións educativas e culturais, ou prestacións sociosanitarias.
Balseiro incidiu en que “só a Consellería do Medio Rural ten previsto en Guitiriz un investimento de 2,4 millóns de euros nos vindeiros meses”, destacando programas como os plans de mellora, que achegan 420.000 euros para 14 proxectos, as cinco axudas á incorporación de mozos, que suman 125.000 euros, ou o apoio de 27.000 euros concedido a unha queixería.
Ao respecto da mellora de infraestruturas, Balseiro lembrou que a Xunta achega ao concello de Guitiriz preto de 56.800 euros para a reforma dun camiño municipal en Becín, Parga, e outros 45.000 euros para a mellora de diversos camiños municipais. Tamén destina 21.800 euros á mellora da rede de contedores de recollida de lixo; 17.500 euros a un proxecto de mellora de sinalización dos recursos turísticos do municipio, ou case 10.000 euros para a mellora da paisaxe no entorno do río Requeixo.
Igualmente, lembrou que o Goberno galego proporciona ao concello dotacións e financiamento para a prestación de servizos municipais a través do Fondo de Cooperación Local, con 175.300 euros, financia servizos como o de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia, con 152.500 euros, e realiza investimentos en centros educativos ou actividades culturais -62.600 euros en obras nos CEIP Lagostelle e Santo Estevo ou 3.000 euros para o Festival de Pardiñas.