Lugonovo cualifica os Orzamentos Participativos do Concello de Lugo como “unha proposta tardía, pouco ambiciosa e cunha utilidade real limitada no mellor dos casos”. Así se referiu hoxe á iniciativa “Lugo Opina. Orzamentos Participativos – LOOP” a portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz. Os orzamentos participativos “que o goberno municipal vende, con bo criterio pero pouca honestidade, como unha necesidade democrática básica, chegan realmente a finais de mandato” evidenciando, a xuízo de Pérez Herraiz, que se encadran nunha mera “lóxica preelectoral” pouco comprometida cunha mudanza das formas de gobernar.
Neste sentido, a portavoz municipal de Lugonovo convida ao goberno municipal a lembrar a suspensión por un período de dous meses da anterior edición, ditaminada pola Xunta Electoral, durante as datas dos comicios municipais de 2015, campaña e precampaña. O feito de que o Partido Socialista volva aproveitar un período preelectoral para poñer sobre a mesa os orzamentos participativos evidencian, segundo Pérez Herraiz, que “a participación cidadá no Concello de Lugo é coma o Guadiana: aparece e desaparece, segundo a lóxica da comenencia” do executivo local.
Pero “non é só un problema de datas” engadiu a portavoz, lamentando que o orzamento baixara de 500.000 a 350.000 euros. Pola súa banda, o límite de 15.000 euros para cada proxecto individual “sitúa un teito de gasto tan baixo que impide as actuacións de calado” aseverou Cristina Pérez,
En definitiva, Pérez Herraiz sinalou que “sempre apoiamos, en público e en privado, a necesidade de dotar ás luguesas e lugueses de ferramentas de xestión e corresponsabilización nos asuntos públicos” por tratarse Lugonovo dunha organización “comprometida cunha visión horizontal da política e da cidadanía”, pero “resulta difícil argumentar que ‘Lugo Opina. Orzamentos Participativos – LOOP’ sexa un paso na dirección axeitada para chegar a ese modelo”.