A Xunta e o Concello de Mondoñedo colaborarán para concienciar á poboación sobre a necesidade de reciclar

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Ecovidrio e o Concello de Mondoñedo colaborarán para concienciar á poboación sobre a necesidade de reciclar os envases de vidro con motivo da Volta Ciclista a España 2018, que este ano comezará unha das súas etapas desde o municipio lucense.   

Baixo o lema Recicla vidro e pedalea, a iniciativa pretende aproveitar o tirón e o reclamo que supón o paso deste evento deportivo por varias localidades de todo o país para sensibilizar no respecto ao medio ambiente a veciños e amantes do ciclismo, e implicalos á vez no obxectivo de incrementar as taxas actuais de recuperación destes residuos.

Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, que participou esta mañá na presentación da campaña en Mondoñedo xunto á alcaldesa Elena Candia, e ao xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández.

Con motivo do paso da Volta a España por Mondoñedo, desde hoxe o municipio conta con 6 novos colectores vinilados coa imaxe da campaña Recicla vidro e pedalea. Todos os envases que se recollan neles, serán utilizados por Ecovidrio para deseñar e fabricar un trofeo sustentable que se lle entregará á alcaldesa o próximo 6 de setembro, coincidindo coa saída da etapa 12 da Volta a España. Así mesmo, outra das principais novidades da campaña deste ano será a programación de batidas de recollida de residuos por parte de voluntarios durante parte do trazado. Estas accións de limpeza están previstas en 8 das 21 etapas das que consta a carreira, sendo Mondoñedo un dos municipios escollidos.

Este ano tamén se porá á venda un mini iglú solidario da Volta a España 2018 e por cada mil unidades vendidas, Ecovidrio comprométese a doar unha handbike ao Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo.

A Volta Ciclista a España percorrerá do 25 de agosto ao 16 de setembro todo o país polo que supón un escaparate excepcional para que os afeccionados ao ciclismo e á cidadanía en xeral poidan coñecer de primeira man os beneficios ambientais de reciclar vidro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com