O BNG lamenta que 2 anos e medio despois de que se inaugurase o novo auditorio de Lugo por parte do propio Feijóo, a Xunta siga sendo incapaz tanto de abrilo como de manter nunhas condicións minimamente dignas as zonas verdes do seu entorno “no seu día Feijóo tiña presa por sacar a foto da inauguración pola proximidade das eleccións galegas, unha vez pasada a cita electoral o novo auditorio pasou de ser a grande promesa cultural para Lugo a converterse nunha selva urbana” dixo Rubén Arroxo.
O BNG que xa anunciou a semana pasada que lle daba 10 días ao goberno municipal para iniciar a roza da maleza, ou que do contrario organizarían pola súa conta “brigadas veciñais”, avisa agora de que se a Xunta non é quen de manter nunhas condicións mínimas o entorno do novo auditorio, solicitaranlle ao propio delegado en Lugo autorización para poder entrar a rozar.
Nesta liña o propio portavoz nacionalista explicaba que “semella irónico que a Xunta saque unha normativa que obriga aos propietarios á limpeza dos seus terreos como medida de protección contra o lume, e despois teñan este espazo feito un “polvorín” dentro dunha zona urbana”.