Hoxe houbo unha concentración en santa Cruz do Incio convocada polos veciños e veciñas da localidade para pedir o arranxo da Casona por parte da Deputación de Lugo. A mesma asistiron membros de diferentes partidos, entre eles os do Grupo Provincial do Partido Popular e do Grupo Municipal do PP do Incio.
Os populares aseguraron que o que pasa coa Casona é “un exemplo máis da nefasta xestión do PSOE, de como fan as cousas os socialistas cando herdaron un patrimonio que agora teñen abandonado, o que condena ao inmoble a volver á situación de 2005”.
Desde o PP defenden que se execute o convenio asinado no ano 2006 entre a Deputación, Suplusa e o Concello. De feito, sinalan, “este convenio debería levar anos executado, pero non foi así, senón que desde a chegada do PSOE ao Goberno Provincial nada se ten avanzado”.
No PP recordan que ese convenio recolle que “se rehabilite a estrutura orixinal da Casona, tal e como os populares pedían de novo nas iniciativas que presentaron tanto no pleno provincial como no local” e que se manteña o acordo asinado no ano 2006 e non se faga outro novo, pois retrasaría moito a obra.
Os populares provinciais e os locais denuncian que en todos estes anos non se teña feito nada. “Os últimos traballos que se levaron a cabo de expropiación e redacción do proxecto foron gobernando o PP na Deputación e no Concello e a partir de aí tanto Besteiro como Campos e a actual alcaldesa paralizárono todo”, lamentan.