Tres anos sen verdadeiros avances”. Así resumiu esta mañá Cristina Pérez Herraiz a situación da cidade en materia de accesibilidade logo de transcorridas máis de tres cuartas partes do vixente mandato municipal 2015-19. A portavoz municipal de Lugonovo citou como únicas actuacións constatables a substitución dun tramo de adoquinado na Ronda da Muralla e a instalación de columpios adaptados para nenos con diversidade funcional no parque da Milagrosa ou na Praza Roxa de Fingoi.
“Sen embargo, estas actuacións quedan curtas se as comparamos cos proxectos non implementados ou a medio rematar” sinalou Pérez Herraiz, lembrando como “en novembro de 2017 foi publicamente prometida a instalación de máis columpios deste tipo nos parques do Sagrado Corazón, Marcos Cela, Praza de San Lorenzo e Aquilino Iglesia, sen que nove meses despois teñamos noticia de tal obra”. “Queremos que o goberno local aclare o estado actual e futuro dese proxecto” reclamou. Para Cristina Pérez, “trátase dunha evidencia máis da maneira de gobernar do executivo local”, caracterizada pola “présa pola foto inaugural”.
“Boa proba temos tamén no caso do elevador á Muralla situado ao carón da Deputación como foi inaugurado polo equipo de goberno actual pero a obra está no haber do executivo anterior” e “o actual goberno non fixo a súa parte do traballo, algo tan simple como sinalizalo adecuadamente para as persoas que necesitan empregalo”. En definitiva, “sair na foto é moi fácil”, pero “aplicar consecuente e constantemente unha política de accesibilidade fácil para as persoas que o precisan non é tan doado”.
Os contedores de lixo adaptados son outro apartado en que quixo incidir a portavoz municipal de Lugonovo. “O goberno local prometeu unha extensión gradual deste tipo de contedores e queremos saber o estado actual do proxecto” reclamou, sinalando que “na actualidade non se constata un grande avance do mesmo”.
“Tememos que a accesibilidade apareza, na axenda do Concello, máis como un apartado propagandístico e efectista antes que como unha necesidade para centos de lugueses e de persoas que visitan a nosa cidade” puntualizou.