O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Vicepresidente, Argelio Fernández Queipo supervisaron os últimos traballos de mellora que o Executivo Provincial realizou na estrada LU-P-1904, que une os Concellos de A Pontenova e A Fonsagrada, e que nesta última intervención tiveron un investimento de 340.000 euros. Campos Conde remarcou que “co remate de acondicionamento deste vial, damos resposta a unha vella demanda veciñal, melloramos así a calidade de vida dos seus veciños e ao mesmo tempo reforzamos seguridade viaria nestes municipios”.
Campos Conde reclamou á Xunta de Galicia un “compromiso real cos veciños da Pontenova” e solicitoulle que mellore os 5 quilómetros desta mesma estrada que son da súa titularidade. O Presidente explicou “esta vía xa está totalmente renovada grazas ao investimento feito polo Executivo Provincial. Deste xeito, o Goberno Provincial cumpre cos compromisos adquiridos cos veciños, mellorando as vías que son da súa titularidade, dentro da aposta por unha Deputación rural e coas persoas”.
Pola súa banda Fernández Queipo tamén reclamou á Xunta o arranxo deste vial que transcorre cara á Pontenova, e que da acceso á LU-740 de titularidade autonómica, e que nun total de 17 quilómetros presenta serias deficiencias para circular por ela. “A Deputación xa cumpriu coas súas obrigas, agora tócalle o turno á Xunta, merecemos vivir nun rural con boas vías de comunicación si queremos que os nosos mozos e mozas vivan nel”, resumiu.