O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia “as trabas” que o equipo de goberno pon ao Grupo Popular á hora de realizar a súa labor de oposición ao “denegar” o acceso a unha documentación, en materia de economía, solicitada polos populares, alegando que a concelleira de Economía, Ana Prieto, se atopa de vacacións.
Antonio Ameijide lamenta “fondamente” este exercicio de “cero transparencia” practicado polo equipo de goberno ao “torpedear” o traballo de fiscalización do goberno local que “os grupos da oposición temos o deber de realizar”.
O voceiro municipal popular destaca tamén a “incongruencia” dos socialistas que mentres negan o acceso á documentación tamén afirman que “están obrigados a facilitar información, sen necesidade de que o membro da corporación acredite estar autorizado”, segundo se recolle no decreto asinado polo voceiro do goberno local, Miguel Fernández. Ademais, sinalan no mesmo decreto que “a documentación solicitada resulta precisa para o desenvolvemento das súas funcións”.
Neste senso, Antonio Ameijide sinala que “non se pode bloquear” o funcionamento do Concello de Lugo porque unha concelleira se atope de vacacións algo que, por outra parte, “é moi lícito xa que ten dereito a elas”, sentenciou o voceiro popular.