A Xunta de Goberno aprobou este mércores a modificación puntual do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior (PEPRI) do rueiro 214A, isto é, en fronte á porta de San Pedro, na confluencia da rúa San Roque, a Ronda da Muralla, Montero Ríos e Carril das Flores. Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que a modificación do PEPRI conta xa co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e do organismo ICOMOS. Unha vez aprobada de maneira provisional na Xunta de Goberno celebrada hoxe, agora debe informar a Dirección Xeral de Urbanismo e seguidamente o Goberno elevará a proposta a Pleno para o seu debate e visto bo definitivo.
O desenvolvemento do ámbito urbanístico existente entre San Roque e a Ronda levará consigo tres actuacións fundamentais na vía pública: a eliminación da pasarela existente, dar continuidade á beirarrúa de San Roque ata unila coa de Montero Ríos e ampliar o Carril dos Fornos, á súa vez tramo do Camiño Primitivo.
Mellora Lugo 2018
Asemade, na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno deu luz verde ao Plan Mellora Lugo 2018, co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento de instalacións e zonas públicas, tanto na ciade como no medio rural. As tarefas terán lugar nas áreas de Educación, Medio Rural, Deportes e Infraestruturas. Cada liña de actuación contará cun orzamento de 95.000 euros e en conxunto, grantiranse un mínimo de 16 postos de traballo no municipio polo menos durante sies meses.
As tarefas a levar a cabo na área de Educación, son o servizo de mantemento e conservación nos 15 colexios públicos da cidade e nas escolas infantís municipais Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburger. Os traballos consistirán en pequenos retellados e eliminación de goteiras, reparacións de canalóns e baixantes, revisión, limpeza e recheo de areeiros, pintura, arranxo e colocación de persianas, ou reparación de mobiliario, entre outros. No que se refire á área de Infraestruturas, os traballos previstos abranguerán a reparación de beirarrúas, beiravías, canos ou taxeas. Para Medio Rural vaise contratar o servizo de mantemento e conservación de construcións rurais e periurbanas singulares e patrimoniais do Concello, co obxectivo de reparar pequenos defectos detectados nas ITE das antigas escolas rurais e naquelas nas que se fan actividades programadas, así como nos lavadoiros, nas fontes públicas e nos cruceiros. Por último no que se refire a Deportes, realizarase o mantemento de equipamentos deportivos en liñas de xogo, cubertas e baixantes; repasos de albanelerías e pinturas de locais, acondicionamento das zonas perimetrais, ou a revisión dos equipamentos sanitarios.
Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno tamén acordou sacar a contratación a subministración, mediante lotes, de instrumentos e material musical tanto para a Escola Municipal de Música como para a Banda Municipal de Música.