A escola infantil municipal de Outeiro de Rei ofertará o vindeiro curso 61 prazas fronte ás 41 actuais, logo das obras efectuadas, que supuxeron unha remodelación integral do centro, xa que ademais da ampliación do espazo interior e dos patios exteriores, acometéronse obras de mellora na cuberta.
Esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, José Pardo e do presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da Comarca de Lugo, José Ángel Santos, visitaron as obras para observar o resultado final.
Máis de 200.000 euros de investimento
As axudas para as obras foron aportadas polo Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo (GDR), dependente da Consellería de Medio Rural, da Consellería de Política Social e do propio Concello.
A ampliación busca dar resposta á gran demanda de prazas de gardaría que hai neste municipio, onde non había a completa e incluso contaba con lista de agarda. As 20 novas prazas están dirixidas a grupos de todas as idades preescolares.
Un centro autosuficiente desde o punto de vista enerxético
Outra das características máis destacables da escola é que é practicamente autosuficiente desde o punto de vista enerxético, xa que dispón dunhas placas fotovoltaicas que, en condicións normais, permiten soster o consumo en enerxía eléctrica e calefacción.
Para finalizar, delegado territorial da Xunta aproveitou a visita para salientar a utilidade das axudas autonómicas, en particular das que se xestionan a través dos GDR e da Axencia de Desenvolvemento Rural, “pois, tal e como se observa, poden ter tamén un fin social, en proxectos promovidos por concellos ou entidades sen ánimo de lucro”.