O PP desvela un pago de 218.000 euros á empresa organizadora do Caudal Fest

O viceportavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Enrique Rozas, puxo hoxe o foco de atención no modelo de adxudicación elixido polo goberno socialista de Lugo para a xestión do festival musical Caudal Fest.

Para a realización deste festival, e segundo desvelou esta mañá o popular, o equipo de goberno outorgou unha subvención directa aos organizadores de 217.800€, unha subvención que non se outorgou “a través do sistema de concorrencia competitiva”. Unha xestión, a deste festival, “ oscurantista”, xa que hai “demasiados interrogantes sen resolver” en torno ao Caudal Fest.

Enrique Rozas pregunta ao equipo de goberno “onde está o expediente” xa que despois de percorrer diferentes  dependencias municipais, “nas que debería haber algo relacionado con este festival, aseguran que alí non hai nada”. Unha circunstancia “estraña” xa que todo o relacionado con este evento musical “xestionouse á marxe de Cultura”.

O vicevoceiro popular tamén quere saber o motivo polo que os socialistas se acolleron ao apartado ‘ c’ do artigo 22 da lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións, segundo o cal “con carácter excepcional, aqueloutras subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública” poderán outorgarse de maneira directa, por iso o Grupo Popular pedirá ao equipo de goberno as explicacións para coñecer por que se acolleron a este artigo.

Desde o PP tamén se quere coñecer o motivo de celebrar este festival en datas tan próximas aos festexos en honra a San Froilán, sobre todo, polo custo deste evento para as arcas municipais e que pode supoñer un prexuízo para San Froilán. “Para nada queremos mostrar a nosa oposición a este evento, pero si que se podería buscar outra localización no calendario para evitar a súa proximidade ao San Froilán e así tentar, de paso, mellorar o cartel musical de San Froilán, que tantas críticas xera na cidade durante os últimos anos”, explicou Rozas.

Enrique Rozas asegura que “non queremos ser alarmistas” pero si que esperamos que a organización “teña todos os permisos en regra”. O popular asegura que “coñecemos” que hai departamentos que deberían de ter coñecemento deste evento e que a día de hoxe “nada saben da celebración deste festival”, polo que “esperamos” que o equipo de goberno “tomase as medidas necesarias” para garantir a seguridade de todos os participantes, xa que se espera unha gran afluencia de público. Neste sentido, o popular lembra que o plan de emerxencias municipal segue sen actualizarse.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com