“Polo que sabemos están a traballar nun novo prego de contratación, que en Lugo é o mesmo que non dicir nada”. Con esta contundencia se expresou hoxe Cristina Pérez Herraiz sobre a situación dos reloxos-termómetro que ata esta semana se atopaban distribuidos por varios puntos da cidade, como a Praza Maior ou a Fonte dos Ranchos, proporcionando aos viandantes información sobre a hora e a temperatura ambiente. A portavoz de Lugonovo referiuse así á incerteza do momento logo de ter caducado o contrato coa empresa que ofrecía o servizo e seren retirados.
“O que resulta patente é que novamente o goberno municipal actúa a destempo, buscando a substitución ou renovación dun servizo demasiado tarde” sinalou Pérez Herraiz sobre a cuestión. Para a portavoz municipal, “isto significa que, na práctica, ese servizo deixa de ser ofrecido no medio prazo”.
Cristina Pérez sinalou que “non se trata do primeiro contrato que se atopa nesta situación” e “proablemente nin sequera sexa o último”. Así, Pérez lembrou os contratos para a limpeza de edificios municipais, para a recollida de lixo e limpeza nas rúas, o de parques e xardíns, os servizos electrónicos ou a web municipal. “O que teñen en común estes servizos é que no concello de Lugo están todos funcionando cun contrato caducado”, denunciou a portavoz municipal, indicando que “simplemente resulta menos visible ao ser servizos que non deixan de ofrecerse aínda que sexa pagando reparo de legalidade e, polo tanto, a súa situación irregular non trascende do mesmo xeito que a dos reloxos- termómetro”. “Pero a situación de fondo é a mesma” salientou.
Municipalización do guindastre
A situación do guindastre tamén mereceu, para a portavoz, unha mención. Pérez Herraiz referiuse a este servizo lembrando que “o goberno está preparando un contrato logo de que quedase deserto o concurso convocado” perpetuándose mentres “a situación irregular dun servizo que o pleno municipal aprobou, grazas a Lugonovo, remunicipalizar”.
“Desde aquela seguimos esperando porque disque dá moito traballo” ironizou, “máis traballo do que dá convocar un concurso, que quede deserto e preparar un contrato novo”. “En definitiva, os reloxos-termómetro son só as novas vítimas da desidia municipal”, resumiu Cristina Pérez, engadindo que “pode que se trate dun plan moi meticuloso do goberno: levar os reloxos das rúas para que non vexamos como pasa o tempo mentres Lugo segue paralizado”.