Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida (ACE-EU) esixiu esta mañá a convocatoria inmediata da Comisión na que debe tratarse o expediente de municipalización do servizo de recollida de vehículos, do que o goberno insiste en manter a xestión privatizada, case tres anos despois de que o Pleno acordara a recuperación da xestión pública do guindastre.
“Non é que a alcaldesa non estea a cumprir un mandato plenario, é que está a actuar manifestamente en contra do mesmo e prolongando unha situación ilegal, pasando de largo o millón de euros pagados a esta empresa sen cobertura contractual e sen a mínima intención de traballar no expediente de municipalización cuxa apertura se aprobou no Pleno de novembro de 2015, pois aínda estamos agardando a que convoque a primeira reunión da mesma”, explica Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “O noso grupo municipal votará en contra de tódalas facturas para pagar a esta empresa que vaian a Pleno, non permitiremos co noso voto que ningún euro público máis vaia parar ao bolsillo dunha empresa sen contrato intervida xudicialmente xusto por fraude no concurso do que saiu adxudicataria deste mesmo servizo.”
A ACE-EU “non lle vale” que se inicie un novo procedemento de licitación para rematar coa insostible situación de levar case todo o mandato pagando a unha empresa sen contrato, pois a decisión sobre o modelo de xestión dos servizos municipais é unha competencia directa do Pleno, polo tanto o acordo plenario de municipalizar é soberano. “Correspóndelle exclusivamente á corporación a través do expediente de municipalización decidir se se pode municipalizar ou non o servizo de guindastre, non ao goberno local”, puntualiza Portomeñe.
Se o expediente de municipalización se tivese iniciado cando se aprobou hai case tres anos hoxe o Concello de Lugo podería estar en disposición de recuperar a xestión pública do guindastre. Despois de varios intentos de atopar unha nova adxudicataria e de que o concurso quedara deserto “non se entende” que se volvan sacar outros pregos con procedemento negociado sen publicidade, diminuíndo os principios de transparencia e libre concorrencia, e mantendo ademáis o prezo de 540.000 euros anuais, un prezo máis alto que o anterior contrato, algo incomprensible tendo en conta que as grúas son agora de propiedade municipal.
“Hai tempo que o servizo debería costar menos, xa que Intervención leva anos avisando de que o prezo xa estaba sobredimensionado nos pregos e de que era necesario axustalo á realidade. Máis de medio millón de euros é unha cantidade desorbitada para recoller unha media de 4 vehículos ao día, se mire por donde se mire”, rematou o concelleiro.